Fondo de Axuda ao Alumnado
No marco do programa Rede de Escolas Solidarias (Plan Proxecta) en colaboración co equipo Correspondentes propoñen crear un Fondo de Axuda ao Alumnado co que se recade a través do mercadiño solidario, obradoiros de xoias e outras iniciativas solidarias: “Man a Man” Co teu esforzo dás unha man aos compañeiros. Súmate á nosa campaña.
1. Finalidade do fondo
O fondo ten como obxectivo apoiar ao alumnado en situación de vulnerabilidade económica para cubrir gastos directamente relacionados coa súa vida escolar, tales como:
Participación en excursións e actividades complementarias ou extraescolares.
Taxas de matrícula da ABAU.
Outros gastos escolares imprescindibles debidamente xustificados.
En ningún caso o fondo se empregará para fins alleos á vida escolar do alumnado.
2. Persoas beneficiarias
Os únicos beneficiarios do fondo serán alumnas e alumnos en situación de vulnerabilidade económica.
A concesión das axudas realizarase garantindo os principios de equidade, confidencialidade, non discriminación e igualdade de oportunidades, evitando calquera tipo de diferenza ou estigmatización.
3. Xestión e valoración das axudas
A xestión íntegra do fondo corresponderá á Secretaría do centro, que será a responsable da custodia, control e rexistro dos fondos.
A solicitude faráa o profesorado responsable desa alumno/a atendendo á situación socioeconómica do alumnado e á natureza do gasto solicitado.
Todas as axudas deberán estar debidamente xustificadas e documentadas.
4. Limitacións de uso
Os fondos non poderán ser empregados para a compra de materiais, equipamentos ou enseres que queden posteriormente no centro educativo.
Non se permitirá o uso do fondo para gastos colectivos nin para beneficios que non repercutan de forma directa e individual no alumnado vulnerable.
5. Transparencia e control
A xestión do fondo realizarase con criterios de máxima transparencia e responsabilidade.
Existirá un rexistro interno das achegas e das axudas concedidas, accesible aos órganos de control do centro.
Calquera uso indebido dos fondos quedará expresamente prohibido e será motivo de revisión inmediata.
6. Principio de bo uso
Este fondo créase co compromiso firme de evitar calquera tipo de mal uso, garantindo que cada euro recadado cumpra a súa finalidade solidaria e chegue exclusivamente ao alumnado que realmente o necesita.
Este texto constitúe a normativa básica de funcionamento do Fondo de Axuda ao Alumnado do centro, sendo de obrigado cumprimento para todas as persoas implicadas na súa xestión.
Comments
Post a Comment